Canalblog
Editer l'article Suivre ce blog Administration + Créer mon blog
Publicité
SEIS HORAS
SEIS HORAS
Publicité
Archives
3 juillet 2011

A IMPOTENCIA DE BERLUSCONI

O meu dvd co 'Hamlet' que dirixiu Zefirelli debe de ser o máis paseado da Historia. Adoito collelo para o lecer e sempre regresa intacto. Dende que padezo a condición de pai, películas coma 'Kung-Fu Panda' gozan dunha inexplicada preferencia. Supoño que o filósofo esloveno Slavoj Zizek sufre a mesma xerarquía familiar porque cita ese filme en 'Vivindo na fin dos tempos' (Verso). Zizek refire á escea na que Po entra no lugar prohibido que garda o Pergamino do Dragón, sorpréndese das imaxes sagradas e exclama: “Soamente vira pinturas desta pintura!”. O pensador non dubida de que esa “distinción entre a copia e a copia da copia” compón “un instante platónico”. Zizek dedica moitas páxinas deste novo ensaio a denunciar o reinado da estética e do culto ao líder na política. Un exemplo de ambas as doenzas, son figuras extravagantes coma Berlusconi. Zizek cita, entre horrorizado e alporizado, as palabras de Niccolo Ghedini, avogado do sultán das 'velinas', cando garantía que o seu cliente “está preparado para acudir ante o tribunal, non soamente para demostrar que non é culpable, senón tamén que non é impotente”. Por esas beiras camiña tamén Emmanuel Todd en 'Después de la democracia' (Akal, 2008), unha análise ultrasubxectiva do acceso de Sarkozy ao poder. Todd arrinca o libro preguntándose: “Como é posible que se convertira en presidente da República? Febril, agresivo, narcisista e admirador dos ricos, é tan incompetente en materia económica como diplomática.” Respóndese que Francia está atrapada “nun período de loucura”, algo que me devolve ao miñaxoia de Hamlet cando afirmaba aquilo de “a conciencia fainos covardes”.

Publicité
Publicité
Commentaires
Publicité