08 janvier 2009
XOSÉ MIRANDA, XUÍZ DE GARDA
De madrugada, camiño pola avenida de Ramón Ferreiro en Lugo. As árbores da medianeira amósanse brancuxentas e o chan ten unha película de xelo. Camiño ás présas, estou indignado. Chego ao edificio dos xulgados, na praza de Avilés. Está pechado, pero ai unha luz de cor amarela escura dentro. Un parella policial e somnolenta deixame pasar sen preguntar nada. Empuxo dúas portas de madeira que dan acceso ao xulgado de garda. O interior semella unha grande aula de facultade universitaria. Está chea de personas que bourean a súa indignación porque queren presentar denuncias. O xuíz está sentado tras unha mesa de profesor, de costas á entrada. Está inmovilizado por unha corda. Dáse a volta coa cabeza caída. Semella esgotado, ten olleiras e os ollos se lle pechan coma se o drogaran. Recoñézoo de contado.
02 janvier 2009
UNHA COCIÑA VIOLETA
Acordo pola mañá e vou á cociña para tomar un café. O sol amenceu antes ca min. Sorpréndome ao descubrir que a luz forte alumea unha cociña na que todos os mobles e electrodomésticos foron forrados con veludo violeta. A idea debeu ocorrérselle á miña muller mentres eu durmía. Ao primeiro, horrorízame; pero logo reparo en que é unha estética orixinal e divertida.
28 décembre 2008
O MEU DENTISTA CONVÍDAME A CHURRASCO
Despois dun par de anos resistíndome, visito a consulta do meu dentista. No canto de clínica, recíbeme nunha cabana de madeira na que está cociñando un churrasco. Empezamos a falar, con entusiasmo, sobre o seu Bos Aires natal e esquecemos da miña dentadura.
08 décembre 2008
O MEU COCHE NON VALE 8.000 EUROS
Un descoñecido abórdame cando estou saíndo do garaxe da casa. Vou ao volante, premo no botón que baixa a fiestra. Ofrece 8.000 euros polo automóbil. Eu baixo porque me sento confuso. Eu sei pouco de motor, pero o meu Ford Focus ten seis anos e o parachoques traseiro destorzado: non vale eses cartos. O comprador insiste en que non me vai dar menos diso. Eu négome a venderllo porque, insisto, non vale nin a metade.
01 décembre 2008
IMITADOR DE CAMILO FRANCO
Véxome tras unha mesa longa, cuberta cunha tea verde cú de botella. Teño que falar diante dun auditorio que está cheo, malia a incomodidade das butacas de madeira que deberon pertencer algún cinema vello. Enriba dela hai un micro de formas ondulantes, como se fose deseñado por Janjaap Ruijssenaars. Acaban de anunciarme que o orador previsto, Camilo Franco, non pode asistir e teño que sustituílo. Pero non abonda con cubrir o seu tempo e o seu discurso, senón que teño que facerme pasar polo propio Camilo Franco. Daquela sáeme barba, unha barbiña castaña e con manchas loiras, e o público mira para min con expectación, pero sen sorpresa porque pensa que eu son Camilo. Prodúcese logo uns intres de angustia porque temo que non vou dar desenvolvido un discurso tan fondo e comicamente explosivos coma os seus.
23 novembre 2008
CUATRO ESQUINITAS TIENE MI CAMA
Cuatro esquinitas tiene mi cama. A miña muller ocupa unha delas porque está durmindo desa banda. Na outra esquina da cabeceira hai un bispo sentado, viste o seu hábito purpurado. Non me permite deitarme, malia rogarllo eu desesperado polo sono, pero pretende convencerme das súas ideas sociais e políticas e non me fará sitio ata que non lle dea a razón.
21 novembre 2008
A VELOZ CADEIRA NEGRA
Agarro con máis forza o respaldo da cadeira de rodas negra na que sento para escribir. Por algunha extraña razón onírica levo o peito contra o respaldo e levo detrás á miña muller e os dous pícaros. Os catro baixamos por unha estrada de monte (recoñezo unha paisaxe de Folgosa) avanzando tras da cadeira sen que eu acerte a saber como dá termado de nós. A carreira debe acadar os cen quilómetros e eu sinto pánico de nos esmagar contra unha curva que hai na valiña cara á que nos diriximos. A piques de chegar á curva, dou freado o vehículo mortal. O soño fálame de literatura coma fonte para termar da familia.
28 février 2008
O DIFÍCIL CAMIÑO DOS FICUS
Conduzo un 127 verde por un camiño ancho coma un elefante, pero ateigado de pólas, ramallos e follas de ficus xigantes. A miña muller pide que paremos porque non deixan de caernos enriba por mor do furacán, pero eu estou certo de que chegarei ao final.
27 février 2008
FOLLAS DE LEITUGA AO PAIRO
A miña muller e mais eu estamos sentados nunha mesa longa, cuberta cun mantel de papel, que compartimos con outros comensais. Eles comen unha sopa de cocido densa en fideo e brillante de graxas. Eu miro o meu prato. Está cheo de auga clara na que aboian tristes unhas follas de leituga. Os demais rin da miña penuria gastronómica.
11 février 2008
UN VOLANTE DE FLOR
Unha amiga da miña muller que está anoxada con ela emprestoulle o seu coche para reconciliárense. O coche ten un volante que está feito cun longo globo rosa ao que se lle deu forma de flor.