26 novembre 2007
AS OPOSICIÓNS DE FRANZ
Esta noite estaba nunha aula moi grande e moi inhumana sentado nun pupitre entre centos de persoas. Participábamos nunha oposición a auxiliar administrativo do Concelllo de Lugo. Entregáronos unha folla con dúas liñas de encabezamento. A proba para a que nos preparáramos durante anos consistía en escribir un relato sobre un funcionario novo que oposita. A min estrañou a naturalidade coa que os meus compañeiros e rivais na consecución de praza asumían que ían demostrar a súa preparación cun exercicio literario que tiña pouco que ver co posto de traballo ao que aspiraban, pero pensei en que, sendo escritor, tiráballes vantaxe á maioría. Logo, acordei de Franz.
21 novembre 2007
PISCINAS
Hai tres complexos de piscinas a uns vinte metros de altura sobre o río Miño. Está construídos en pedra. Infórmanme de que un dos tres pertence ao meu pai.
20 novembre 2007
LUSOFONÍA
Participo nunha xuntanza da lusofonía. Estou nun colexio sentado nunha cadeira de formica a unha mesa que rodean varios pretos das ex colonias portuguesas. Mentres un deles intenta explicarnos algo, hai outro que non nolo deixa oír de tanto rogarnos que fiquemos en silencio. Eu mándoo calar varias veces, con escaso éxito.
09 novembre 2007
UNHAS FOTOS NO CINEMA
Estou no cinema cos meus fillos e os duns amigos. A sala é inmensa e vella, desas que teñen os butacóns granates. Quítolles unhas fotos con dous teléfonos móbiles. Empeza a película. Está protagonizada polos sobriños do Tío Gilito. nO medio da proxección, preséntaseme unha acomodadora que me esixe que a acompañe onda o propietario. O home, calvo, de gafas e bigote, acúsame de estar gravando a película e me reclama tres mil euros de propiedade intelectual.